Friday 03 de May de 2024

Nadal na Biblioteca Municipal de Fene


Todas as funcións comezarán ás doce do mediodía na propia biblioteca ou no salón de actos da Casa da Cultura

Co espectáculo “Un Nadal cheo de contos”, a cargo do grupo “Lisístrata A.C”, comeza o vindeiro luns 21 de decembro o programa de Nadal que organiza a Concellería de Cultura e Ensino para a Biblioteca Municipal de Fene. Nesta primeira función, dirixida a nenos/as de Infantil e Primaria, os/as pequenos/as cantarán panxoliñas e escoitarán historias que falan do sentido destas datas que ás veces son divertidas e outras sorprendentes. Tamén escoitarán contos de árbores de Nadal, de bonecos de neve, de Reis e de cousas imaxinadas “que, seguramente, algún día serán realidade.”

A segunda sesión deste ciclo de Nadal anúnciase para o martes 22 de decembro e consistirá na representación dun conto teatralizado con monicreques, “A caixiña máxica”, a cargo de Fanfarra de soños, A.C. Neste espectáculo, “dous viaxeiros coinciden nunha estación de tren durante a súa viaxe. As súas vidas están condicionadas polas historias que atopan alí onde van e, nesta ocasión, descobren que teñen moito en común porque a súa misión no mundo é recoller historias. Nunha realidade que se mestura coa fantasía, os dous viaxeiros compartirán algúns dos seus contos mentres agardan a que chegue o próximo tren”.

Os contos darán paso á máxia na xornada do mércores 23 de decembro. Ese día, o salón de actos da Casa da Cultura acollerá o espectáculo “Por arte de maxia”, a cargo da A.C. Titania.

A programación cultural de Nadal na Biblioteca Municipal concluirá o luns 28 de decembro cun espectáculo de maxia e música titulado “Acordes de ilusión”, que correrá a cargo do mago Martín Camiña e do músico Álvaro Muras.

Todas as funcións comezarán ás 12.00 horas. Entrada libre e gratuíta.

MÚSICA NO NADAL DE FENE

Dende a concellería de Cultura e Ensino anuncianse tamén para os vindeiros días distintas actuacións e espectáculos musicais, comezando polo Festival de Panxoliñas que se celebrará este sábado 19 de decembro, a partir das 20 horas, na igrexa auxiliar de Perlío.

O luns 21 de decembro, o salón de actos da Casa da Cultura de Fene acollerá o Festival de Nadal das Escolas Municipais de piano, guitarra e solfexo. O recital comezará ás 17 horas.

E xa por último, o mércores 23 de decembro ás 20 horas celebrarase na igrexa vella de Maniños o concerto de Nadal, protagonizado este ano polo grupo vocal formado por mulleres “Entrelas”.